Sunday 12 de May de 2024

O Foro Cívico de Santigo considera discriminatorio que os composteláns sexan os únicos cidadáns dunha capital galega que paguen peaxe para saír de Galicia pola vía de alta capacidade


Destaca que desde 1994 deben pagar se conducen con destino á Meseta pola AP-9 ou a AG-53

O Foro Cívico de Santiago, integrador de diversas entidades e colectivos profesionais radicados na cidade e coordinados pola Cámara de Comercio, chamou a atención –segundo informe da súa última reunión- polo feito de que os cidadáns da capital de Galicia sexan, desde fai vinte anos cando se inaugurou a autovía de pago Santiago-Lalín, os únicos residentes dunha cidade galega que teñan que obrigatoriamente abonar peaxe para saír de Galicia, ou viceversa. Segundo o Foro Cívico “resulta inaudito que os veciños de Santiago de Compostela sexan os únicos cidadáns galegos que levan 20 anos obrigados a pagar a peaxe (AP-9 ó AG53) para saír de Galicia en automóbil por vía de alta capacidade”.

Consideran, polo tanto, que para terminar con esta discriminación histórica resulta imprescindible
rematar cando antes as obra das autovía A-54.

Por outra banda, o Foro Cívico reclamou das autoridades locais correspondentes asuntos candentes vinculados ao desenvolvemento da cidade como a demora nos prazos e execución, xunto ao sobrecusto, da nova licitación da E.D.A.R (Estación Depuradora de Augas Residuais) xa que “non está claro o financiamento do desfasamento económico existente”. Neste sentido, interpelan aos líderes municipais sobre se as obras da nova depuradora se iniciarán en xaneiro de 2024 ou haberá os xa repetidos aprazamentos. Así mesmo demandan información sobre a xestión actual de subministración de auga á poboación e o estado das súas infraestruturas.

Tamén, o Foro Cívico considera insuficiente a capacidade para atender á actual demanda de viaxeiros da estación Intermodal e reclama información do estado actual do proxecto de obra que está en fase de execución. A falta de chan industrial para o asentamento de novas empresas e o desenvolvemento de actividades loxísticas e a súa proxección e planificación a futuro para os próximos 25 anos; a escaseza de oferta accesible e de espazo habitacional para vivenda social e un estudo máis detallado sobre o destino da implantación dunha taxa turística, foron outros dos asuntos abordados.

Na reunión, acordouse igualmente a ratificación do acordo subscrito no seu día entre todas as forzas políticas da Corporación de Santiago e o Foro Civico e que no que se destacou a unanimidade na defensa dos intereses e infraestruturas da capital de Galicia.